Aviso de privacidade para Contas de Google e perfís xestionados a través de Family Link para nenos menores de 13 anos (ou a idade aplicable no teu país) ("Aviso de privacidade")

Se queres que a túa filla ou fillo teña un perfil ou unha Conta de Google de seu, pode que necesitemos o teu permiso para recompilar, utilizar ou divulgar a súa información, tal e como se describe neste Aviso de privacidade e na Política de privacidade de Google. Cando lle permites ao teu fillo ou filla usar os nosos servizos, estades confiándonos a vosa información. Entendemos que esta é unha gran responsabilidade, polo que traballamos arreo para protexer eses datos e para que teñades o control sobre eles. Tes a posibilidade de decidir se queres que a túa filla ou fillo poida xestionar os seus controis de actividade, como as opcións Historial de YouTube ou Actividade web e das aplicacións, e, nas rexións onde se requira, a vinculación de certos servizos de Google.

Neste Aviso de privacidade relativo ás Contas de Google e aos perfís xestionados a través de Family Link para usuarios menores de 13 anos (ou a idade que corresponda no teu país) e na Política de privacidade de Google explícanse as nosas prácticas de privacidade. Sempre que haxa prácticas de privacidade específicas da conta ou do perfil da túa filla ou fillo (por exemplo, con respecto aos límites da publicidade personalizada), esas diferenzas detállanse neste Aviso de privacidade.

Este Aviso de privacidade non é aplicable a accións, sitios web nin aplicacións de terceiros (é dicir, que non sexan de Google) dos que poida facer uso o teu fillo ou filla. Para determinar se esas accións, sitios e aplicacións son adecuados para o teu fillo ou filla, debes revisar as condicións e políticas aplicables a eles, como as relativas á recompilación de datos e ás prácticas de uso.

Información que recompilamos

En canto lle concedas permiso ao teu fillo ou filla para ter un perfil ou unha Conta de Google, polo xeral tratarase de igual modo que a túa conta ou perfil no que respecta á información que recompilamos. Por exemplo, recompilamos:

A información que ti e mais a túa filla ou fillo creades ou nos facilitades

No proceso de creación da conta ou perfil, podemos pedir algúns datos persoais, como o nome e os apelidos, o enderezo de correo electrónico e a data de nacemento. Recompilamos a información que nos proporcionades ti ou o teu fillo ou filla (como os teus datos de contacto en liña), que é necesaria para contactar contigo e pedirche o teu consentimento. Tamén recompilamos a información que crea, carga ou recibe a túa filla ou fillo ao utilizar a súa conta ou perfil; por exemplo, cando garda unha foto en Google Fotos ou crea un documento en Google Drive.

A información derivada do uso que o teu fillo ou filla fai dos nosos servizos

Recompilamos e almacenamos automaticamente determinada información sobre os servizos que utiliza e como os usa; por exemplo, cando fai unha consulta na Busca de Google, fala co Asistente de Google ou ve un vídeo en YouTube Kids. Entre estes datos inclúense os seguintes:

  • As aplicacións, os navegadores e os dispositivos da túa filla ou fillo

    Recompilamos información sobre as aplicacións, navegadores e dispositivos que usa o teu fillo ou filla para acceder aos servizos de Google, como os identificadores únicos, o tipo e a configuración do navegador e do dispositivo, o sistema operativo, a información sobre a rede de telefonía móbil (por exemplo, o nome do operador e o número de teléfono) e o número de versión da aplicación. Tamén recompilamos datos sobre a interacción das aplicacións, os navegadores e os dispositivos da túa filla ou fillo cos nosos servizos, entre eles: o enderezo IP; os informes de fallos; a actividade do sistema; e a data, a hora e o URL do referenciador da súa solicitude. Por exemplo, recompilamos esta información cando un servizo de Google do dispositivo da túa filla ou fillo contacta cos nosos servidores, como cando instala unha aplicación desde Play Store.

  • A actividade do teu fillo ou filla

    Recompilamos información sobre a actividade da túa filla ou fillo nos nosos servizos e, en función da configuración definida na súa conta, utilizamos eses datos, por exemplo, para recomendarlle aplicacións de Google Play que poderían gustarlle. Tes a posibilidade de decidir se queres que o teu fillo ou filla poida xestionar os seus controis de actividade. Entre outros datos, esta información pode incluír: os termos de busca; os vídeos que ve; a información de voz e audio cando usa funcións de audio; as persoas coas que se comunica ou coas que comparte contido, e o historial de navegación de Chrome que teña sincronizado coa súa Conta de Google. Se a túa filla ou fillo usa os nosos servizos para facer e responder chamadas, ou enviar e recibir mensaxes (por exemplo, a través de Google Meet ou Duo), podemos recompilar información do rexistro telefónico. O teu fillo ou filla pode acceder á súa Conta de Google para buscar e xestionar os datos relacionados coa actividade que se gardasen na súa conta ou perfil. Pola túa banda, podes iniciar sesión na súa Conta de Google ou acceder ao seu perfil en Family Link para axudarlle a xestionar esa información.

  • A información sobre a localización do teu fillo ou filla

    Recompilamos información sobre a localización da túa filla ou fillo cando usa os nosos servizos. Pode determinarse por medio do GPS, do enderezo IP, dos datos dos sensores do seu dispositivo e de información sobre elementos situados preto do dispositivo (por exemplo, puntos de acceso wifi, antenas de telefonía móbil e dispositivos que teñan o Bluetooth activado). Os tipos de datos de localización que recompilamos dependen en parte da configuración do teu dispositivo e do da túa filla ou fillo.

  • A información de voz e audio do teu fillo ou filla

    Podemos recompilar información de voz e audio da túa filla ou fillo. Por exemplo, se utiliza comandos de activación de audio (como ao dicir "Hey Google" ou tocar a icona do micrófono), procesarase unha gravación da voz ou do audio para responder á súa solicitude. Ademais, sempre que estea marcada a opción Actividade de voz e audio do teu fillo ou filla na configuración da Actividade web e das aplicacións, a gravación das interaccións de voz co Asistente (incluídos uns segundos anteriores) nun dispositivo coa sesión iniciada pódese almacenar na súa conta.

Usamos diversas tecnoloxías para recompilar e almacenar a información do teu fillo ou filla, como cookies, etiquetas de píxeles, almacenamento local (por exemplo, almacenamento web do navegador ou memorias caché de datos de aplicacións), bases de datos e rexistros dos servidores. Non é preciso que proporcione máis información persoal da que é razoablemente necesaria para utilizar os produtos e servizos de Google dispoñibles para estas contas ou perfís.

Como usamos a información que recompilamos?

Na Política de privacidade de Google descríbense detalladamente os usos que se lles poden dar aos datos que Google recompila en relación co perfil ou a Conta de Google do teu fillo ou filla. Como norma xeral, utilizamos esa información para o seguinte: ofrecer, manter e mellorar os nosos servizos; descubrir como se utilizan, medir o seu rendemento e desenvolver algúns novos, así como para personalizalos para o teu fillo ou filla. Tamén a usamos para comunicarnos directamente con ela ou el en relación con estes servizos e para mellorar a seguranza e a fiabilidade destes.

Utilizamos diferentes tecnoloxías para procesar a información da túa filla ou fillo para estes fins. Usamos sistemas automáticos que analizan o seu contido para ofrecerlle, por exemplo, resultados de busca personalizados ou outras funcións adaptadas á forma na que utiliza os nosos servizos. Tamén analizamos o seu contido para axudarnos a detectar usos inadecuados (por exemplo, spam, software malicioso e contido ilegal). Ademais, usamos algoritmos para recoñecer padróns nos datos. Se detectamos nos nosos sistemas spam, software malicioso, contido ilegal ou outras formas de uso inadecuado que infrinxan as nosas políticas, podemos desactivar a súa conta ou perfil, ou ben levar a cabo outras accións necesarias. En determinadas circunstancias, tamén podemos informar da infracción ás autoridades competentes.

En función da configuración definida na conta do teu fillo ou filla, podemos usar a súa información para ofrecer recomendacións e contido e resultados de busca personalizados. Por exemplo, dependendo das opcións escollidas, Google Play pode utilizar determinada información, como as aplicacións que ten instaladas, para suxerirlle outras novas que poderían gustarlle.

Ademais, dependendo da configuración definida para o teu fillo ou filla, podemos combinar a información que recompilamos entre os nosos servizos e os seus dispositivos para os fins descritos anteriormente. Segundo a configuración da súa conta ou perfil, a actividade que leve a cabo noutros sitios e aplicacións pódese asociar á súa información persoal co obxectivo de mellorar os servizos de Google.

Google non lle mostrará anuncios personalizados á túa filla ou fillo, o que quere dicir que a publicidade que verá non estará baseada na información da súa conta ou perfil. Non obstante, os anuncios si poden estar baseados en datos relacionados co contido do sitio ou da aplicación que está vendo, a consulta de busca actual ou a localización xeral (a cidade ou o estado, por exemplo), entre outros. Cando navegue pola Web ou use aplicacións que non son de Google, pode encontrar anuncios publicados por outros provedores de publicidade (alleos a Google), incluídos anuncios personalizados de terceiros.

Que información pode compartir o teu fillo ou filla?

A túa filla ou fillo poderá compartir información (por exemplo, fotos, vídeos, audio e a localización) publicamente e con outras persoas cando teña a sesión iniciada co seu perfil ou conta de Google. Cando comparta información publicamente, é posible que se poida acceder a ela a través de motores de busca, como a Busca de Google.

Que información comparte Google?

En determinadas circunstancias, podemos compartir fóra de Google a información que recompilamos. Non compartimos información persoal con empresas, organizacións nin particulares que non teñan relación con Google, excepto nos casos seguintes:

Con consentimento

Compartiremos información persoal fóra de Google se temos consentimento, segundo sexa aplicable.

Co teu grupo familiar

Pódese compartir a información do teu fillo ou filla (por exemplo, o nome, a foto, o enderezo de correo electrónico e as compras de Play) cos membros do teu grupo familiar en Google.

Para o procesamento externo

Proporcionamos información persoal ás nosas empresas vinculadas ou a outras empresas ou particulares de confianza para que a procesen no noso nome, seguindo as nosas instrucións, de conformidade con este Aviso de privacidade e a Política de privacidade de Google, así como cumprindo as medidas de confidencialidade e de seguranza oportunas.

Por cuestións xurídicas

Compartiremos información persoal con empresas, organizacións ou particulares que non teñan relación con Google se cremos de boa fe que existe unha necesidade razoable de acceder á devandita información, así como de usala, conservala ou divulgala para:

  • Cumprir coa lexislación, a normativa, o proceso legal ou a solicitude gobernamental aplicables.

  • Executar as Condicións de servizo aplicables, incluída a investigación de potenciais infraccións.

  • Detectar, previr ou solucionar dalgunha outra forma fraudes e incidencias técnicas ou de seguranza.

  • Protexer os dereitos, a propiedade ou a seguranza de Google, dos nosos usuarios ou do público en xeral na medida esixida ou permitida pola lexislación aplicable.

Podemos compartir información que non permita a identificación persoal, como as tendencias sobre o uso xeral dos nosos servizos, de forma pública e cos nosos socios, entre os que se inclúen editores, anunciantes, programadores ou titulares de dereitos. Por exemplo, compartimos publicamente información para mostrar tendencias sobre a utilización xeral dos nosos servizos. Tamén permitimos que determinados socios empreguen as súas propias cookies ou tecnoloxías similares para recompilar información dos navegadores e dispositivos con fins publicitarios e de medición.

Acceso á información persoal da túa filla ou fillo

Se a túa filla ou fillo ten unha Conta de Google, podes iniciar sesión nela e acceder á súa información, actualizala, quitala, exportala e restrinxir o seu procesamento. Se non lembras o seu contrasinal, podes restablecelo desde a aplicación Family Link ou na configuración de Family Link na Web. Despois de iniciar sesión, podes usar os diversos controis que se describen na Política de privacidade de Google (por exemplo, os controis de actividade de Google) para axudarlle a xestionar a súa información e a configuración de privacidade.

Se a túa filla ou fillo ten un perfil, podes acceder á súa información, actualizala, quitala, exportala e restrinxir o seu procesamento a través da aplicación Family Link ou desde a configuración de Family Link na Web.

O teu fillo ou filla poderá eliminar a súa actividade anterior en A miña actividade e, de forma predeterminada, conceder permisos de aplicacións a terceiros (por exemplo, para acceder ao micrófono, aos contactos ou á localización do dispositivo). Tamén podes utilizar Family Link para editar ou modificar a información do perfil ou da Conta de Google do teu fillo ou filla, revisar a actividade nas aplicacións e os permisos destas, así como xestionar a súa capacidade para conceder determinados permisos para que os servizos de terceiros ou as aplicacións accedan á súa información.

Se queres que deixemos de recompilar ou utilizar a información do teu fillo ou filla, podes eliminar o seu perfil ou Conta de Google facendo clic nas opcións Eliminar perfil ou Eliminar conta que atoparás na páxina de información do perfil ou da conta. Podes facelo desde a aplicación Family Link ou desde a configuración de Family Link na Web. A información do perfil ou da conta eliminarase de forma permanente nun prazo de tempo razoable.

Ponte en contacto con nós

Se tes algunha pregunta sobre o perfil ou a Conta de Google do teu fillo ou filla, ponte en contacto connosco. Aquí estamos para botarche unha man. Podes atopar información adicional sobre Family Link e o perfil ou a Conta de Google da túa filla ou fillo no noso Centro de Axuda. Tamén podes enviarnos os teus comentarios sobre Family Link ou o perfil ou a Conta de Google do teu fillo ou filla desde a aplicación Family Link. Para facelo, toca Menú ☰ > Axuda e comentarios > Enviar comentarios. Ademais, tes a opción de poñerte en contacto connosco por correo electrónico ou escribirnos ao enderezo que aparece máis abaixo.

Google
1600 Amphitheatre Parkway
Mountain View, CA 94043 (EUA)
Teléfono: +1 855 696 1131 (EUA)
Consulta os números de teléfono dispoñibles para outros países en g.co/FamilyLink/Contact

Se tes preguntas sobre a forma na que Google recompila os datos da túa filla ou fillo e o uso que lles dá, podes poñerte en contacto con Google e coa oficina de protección de datos. Tamén podes contactar coa autoridade de protección de datos local se tes dúbidas sobre os teus dereitos conforme á lexislación local.

Aplicacións de Google
Menú principal