Preguntas frecuentes

Recompilamos respostas a algunhas das preguntas máis frecuentes sobre Family Link. Se xa estás usando a aplicación e tes algunha pregunta, podes consultar o noso Centro de Axuda para obter máis información.

Como funciona

Como funciona Family Link?

A aplicación Family Link de Google mantén os pais ao tanto dos contidos que explora o seu fillo ou filla co seu dispositivo Android, o que permite que os pais establezan determinadas normas básicas no mundo dixital para a súa familia.

En primeiro lugar, o neno ou adolescente necesita un dispositivo compatible (Consulta que dispositivos funcionan con Family Link). Despois, os pais poden descargar Family Link no seu propio dispositivo (Android ou iPhone).

Se o neno ou adolescente xa ten unha conta, Family Link guiará o seu pai ou nai no proceso de vinculación á conta do seu fillo ou filla. É posible que durante ese proceso o neno ou adolescente tamén teña que descargar a aplicación Family Link (nenos e adolescentes) no seu teléfono para completar a vinculación das contas.

Os pais tamén poden usar Family Link para crear unha Conta de Google para o seu fillo ou filla menor de 13 anos (ou a idade aplicable no teu país). Unha vez creada, os nenos poden iniciar sesión no seu dispositivo coa súa conta nova.

En canto estean vinculadas as contas, os pais poden usar Family Link para, por exemplo, controlar o tempo diante da pantalla e xestionar o contido ao que acceden.

Family Link bloquea todo o contido que non sexa adecuado para os meus fillos?

Non. Family Link non bloquea o contido inadecuado, pero algunhas aplicacións teñen as súas propias opcións de filtrado. Determinadas aplicacións de Google, como a Busca e Chrome, teñen opcións de filtrado que podes encontrar en Family Link. Os pais de adolescentes de 13 anos ou máis teñen a opción de usar o modo restrinxido en YouTube para afastar da pantalla contido potencialmente para adultos. Ten en conta que estes filtros non son perfectos, polo que ás veces o teu fillo ou filla pode acceder a contido explícito ou doutro tipo que non queres que vexa. Para poder decidir que é o adecuado para a túa familia, recomendámosche que revises a configuración da aplicación, así como as opcións de configuración e as ferramentas que ofrece Family Link.

Os pais poden usar Family Link en Android?

Si. Os pais poden usar Family Link en dispositivos Android que teñan a versión KitKat (4.4) ou unha posterior.

Os pais poden usar Family Link en iOS?

Si. Os pais poden usar Family Link en iPhones que teñan a versión iOS 11 ou unha posterior.

Os pais poden usar Family Link nun navegador web?

Os pais poden xestionar algunhas opcións de configuración da conta do seu fillo ou filla nun navegador web. Para usar outras funcións, como configurar límites de tempo diante da pantalla, os pais necesitan a aplicación Family Link para Android ou iPhone.

Os nenos e os adolescentes poden usar Family Link en Android?

Para obter mellores resultados, recomendamos que os nenos usen dispositivos Android que teñan a versión 7.0 (Nougat) ou unha posterior. Así mesmo, Family Link tamén se pode usar nos dispositivos coas versións 5.0 e 6.0 de Android (Lollipop e Marshmallow). Para obter máis información, consulta o noso Centro de Axuda.

Os nenos e os adolescentes poden usar Family Link nun Chromebook (ChromeOS)?

Os nenos e os adolescentes poden iniciar sesión coas súas Contas de Google nos Chromebooks. Os pais poden, entre outras cousas, xestionar o Chromebook e a configuración da conta do seu fillo ou filla, e establecer restricións de sitios web. Máis información nesta ligazón.

Os nenos e os adolescentes poden usar Family Link nos dispositivos iOS e os navegadores web?

Os nenos e os adolescentes poden iniciar sesión coas súas Contas de Google nos dispositivos iOS e os navegadores web co consentimento dos pais. Os pais poden seguir xestionando algunhas opcións de configuración da conta do seu fillo ou filla. Esas opcións aplicaranse cando o neno ou nena inicie sesión e use as aplicacións e servizos de Google nun dispositivo iOS ou na Web. Hai outras opcións na aplicación Family Link, como xestionar as aplicacións que poden usar os nenos e configurar os límites de tempo diante da pantalla, que non estarán dispoñibles para os pais se o neno ou nena utiliza un dispositivo iOS ou se iniciou sesión na Web. Máis información sobre o inicio de sesión para nenos e adolescentes nos dispositivos iOS e os navegadores web.

Canto tempo leva configurar o dispositivo e a Conta de Google do teu fillo ou filla?

Debes reservar uns 15 minutos para configurar a Conta de Google e o dispositivo Android do teu fillo ou filla.

Contas

Hai unha idade mínima para que un neno ou nena poida ter unha Conta de Google xestionada a través de Family Link?

Non. Ti decides cando o teu fillo ou filla pode usar o seu primeiro teléfono ou tableta Android.

Cando o meu fillo ou filla inicie sesión na súa Conta de Google, verá anuncios?

Si, poderá ver anuncios ao usar os servizos de Google, xa que teñen publicidade.

Podo usar Family Link para supervisar o meu fillo ou filla adolescente?

Si, pódese usar Family Link para supervisar os adolescentes (nenos de máis de 13 anos ou a idade de consentimento aplicable no teu país). A diferenza dos nenos que non alcanzan a idade de consentimento, os adolescentes poden deter a supervisión en calquera momento. Aínda que se o fan, recibirás unha notificación e os seus dispositivos quedarán temporalmente bloqueados e inutilizables.

Podo usar a miña conta do colexio ou do traballo para xestionar a miña familia?

Non. As contas que se proporcionen no traballo ou no colexio non se poden usar para xestionar grupos familiares. Podes usar unha Conta de Google persoal, como a túa conta de Gmail, con Family Link.

Por que só se permite que os nenos teñan unha Conta de Google instalada nos seus dispositivos supervisados?

Esta restrición axúdanos a manter baixo control certos comportamentos nos nosos produtos. Por exemplo, se o dispositivo ten outra conta, os nenos ou nenas poderían cambiar a esa conta para descargar aplicacións de Play sen a aprobación dos pais.

O que ocorre cando o meu fillo ou filla cumpre 13 anos (ou a idade aplicable no teu país)

Cando o teu fillo ou filla cumpra 13 anos (ou a idade aplicable no teu país), pode pasar a ter unha Conta de Google normal. Antes de que cumpra os 13 anos, recibirás un correo electrónico para comunicarche que o teu fillo ou filla cumpre os requisitos para ocuparse da súa conta, polo que xa non poderás seguir xestionándoa ti. O día que cumpra 13 anos, poderá decidir se quere xestionar a súa propia Conta de Google ou se quere que o sigas facendo ti. Se decide ocuparse persoalmente da súa conta, pero ti prefires manterte ao tanto, pódense reactivar as ferramentas de supervisión da conta de Family Link (nenos e adolescentes) do seu dispositivo. Para obter máis información, consulta o noso Centro de Axuda.