Queres ter información sobre a túa privacidade en Google?

Deches co lugar indicado! Aquí podes obter máis información sobre como Google recompila e usa a información cando utilizas os nosos sitios e aplicacións. Tamén descubrirás como che poden axudar os teus pais a xestionar a túa Conta de Google e os teus dispositivos.

Nota para os pais: Esta información só se aplica ás Contas de Google xestionadas a través de Family Link, para nenos menores de 13 anos (ou a idade aplicable no teu país). Para obter máis información, consulta o Aviso de privacidade e a Política de privacidade.

Quen é a persoa encargada da miña conta?

Nestes momentos é o teu pai ou nai quen se encarga da túa Conta de Google. Pode utilizar unha aplicación chamada Family Link para axudarche a xestionar a conta ata que sexas maior dabondo para facelo sen supervisión.

O teu pai ou nai pode facer cousas como:

  • Iniciar sesión na túa conta, cambiar o seu contrasinal ou eliminala.
  • Definir límites de tempo e horarios de uso dos teus dispositivos, como teléfonos ou tabletas.
  • Ver onde está o teu teléfono ou tableta.
  • Escoller as aplicacións que podes usar.
  • Ver o tempo que botas usando as aplicacións.
  • Xestionar a configuración de contido dalgunhas aplicacións e sitios de Google, como a Busca de Google, YouTube ou Google Play. Esta configuración pode cambiar o que ves.
  • Xestionar os controis de actividade da túa conta, como o historial de YouTube, e impedir que ti os poidas xestionar.
  • Revisar os permisos das aplicacións do teu teléfono ou tableta. Por exemplo, se as aplicacións poden usar o micrófono, a cámara ou os contactos.
  • Consultar, cambiar ou eliminar información sobre a túa conta, como o teu nome, sexo ou data de nacemento.
  • Aprobar as túas descargas e compras nalgunhas aplicacións e sitios de Google, como Google Play.

Como e por que utiliza Google a miña información?

Como a maioría de sitios e aplicacións, recompilamos a información que nos proporcionades tanto ti como os teus pais, como o teu nome e data de nacemento, ademais da información derivada do uso que fas dos nosos sitios e aplicacións. Traballamos arreo para manter a seguranza desta información e utilizámola, entre outras cousas, para facer que os nosos produtos che sexan máis útiles. Por exemplo, recompilamos datos para:

  • Asegurar o funcionamento das nosas aplicacións e sitios: por exemplo, se escribes "deportes" na Busca de Google, usamos esa información para mostrarche contido sobre deportes.
  • Mellorar os nosos sitios e aplicacións: por exemplo, se se avaría algo, usamos a información para amañalo.
  • Protexer Google, os nosos usuarios e o público: utilizamos a información para mellorar a seguranza das persoas cando están en liña. Por exemplo, para detectar e evitar fraudes.
  • Crear sitios e aplicacións: analizamos como se utilizan os sitios e as aplicacións actuais para obter ideas sobre novos produtos de Google que podemos deseñar.
  • Ofrecerche información personalizada, que vén sendo mostrarche cousas que cremos que igual che interesan. Por exemplo, se che gusta ver vídeos de animais en YouTube Kids, podemos recomendarche máis.
  • Mostrarche anuncios en función de certa información, como os sitios que visitaches.
  • Comunicarnos contigo: por exemplo, é posible que usemos o teu enderezo de correo electrónico para che enviar unha mensaxe en caso de haber un problema de seguranza. Consulta sempre co teu pai ou nai antes de abrir mensaxes de persoas descoñecidas.

Podo indicarlle a Google o que debe gardar?

Si, podes cambiar algunhas cousas que gardamos sobre ti. Por exemplo, se non queres que gardemos o historial de YouTube na túa Conta de Google, podes desactivar esta opción. Se fas algúns cambios na configuración de privacidade, como os Controis de actividade, comunicarémosllelo aos teus pais. Pódenche axudar a cambiar a configuración.

Os teus pais e mais ti podedes ver e xestionar parte da información sobre ti e a túa Conta de Google en calquera momento.

Google comparte nalgún caso a miña información persoal con outras persoas?

Son poucos os casos en que podemos compartir a túa información persoal, como o nome, con servizos ou persoas que non pertenzan a Google. Se a compartimos, tomamos medidas para asegurarnos de que estea protexida.

Podemos compartir información persoal:

  • Coa túa nai ou pai e o teu grupo familiar en Google.
  • Con empresas colaboradoras.
  • Cando a túa nai ou pai nos dá o seu consentimento.
  • Cando temos que facelo por cuestión legais.

Quen máis pode ver o que comparto en liña?

Ten presente que son moitas as persoas que poden ver o contido que compartas en liña, como os correos electrónicos ou as fotos. Así que se comparte algo en liña, pode ser difícil quitalo. Comparte contido só con persoas nas que confíes. En caso de dúbida, pide consello aos teus pais ou a un membro da familia.

Queres saber máis? Pídelle ao teu pai ou nai que che axude a ler a nosa Política de privacidade.